sábado, 25 de junio de 2011

A XERACIÓN DOENTE: DO PASAMENTO PREMATURO AO INMEDIATO MITO.

Ovidio Murguía. Óleo sobre lenzo. 95 x 144 cm.
Como resultado da dualidade da sociedade galega de finais do século XIX – unha comunidade rural onde prevalece o modelo cultural, fronte a unha estrutura urbana que tenta aliarse coa “modernidade” rexeitando valores propios, como a lingua – a arte, apoiada en espellos foráneos, comeza a xogar un novo ministerio. A arte perde a súa natureza funcional en tanto que estaba vencellada a un obxectivo particularmente relixioso. Deste xeito, estamos ante unha nova concepción: o feito cultural por si mesmo como definidor da “modernidade” dunha sociedade. A Arte posúe logo unha función preponderante nas “Exposicións Rexionais” e se escribe, ademáis, a primeira Historia da Arte, publicada por Manuel Murguía en 1884. É por esas datas cando se incrementa o orgullo polo pasado dun pobo, o galego, de presente treboento.
    Durante o terceiro cuarto do século XIX persiste a degradación das artes plásticas galegas, que se atopan imbuídas nunha deriva meramente artesanal. Fronte a esa situación a clase “ilustrada” das cidades busca unha actualización dos centros de Arte e Cultura: increméntase o ensino de artes plásticas nas Sociedades de Amigos do País; fúndanse Círculos, Academias e Escolas de Belas Artes e inclúese o debuxo como materia no ensino regulado, trala lei correspondente de 1886. A Arte eríxese, polo tanto, como calibre cultural da sociedade. Así, o debuxo e a pintura, constitúen elementos esenciais da educación, especialmente das “señoritas”.
Ovidio Murguía. Óleo sobre lenzo. 95 x 144 cm.

    Chegan a Galicia un importante grupo – en cantidade e en calidade – de artistas para transmitir os seus coñecementos nos novos centros. Docentes da talla de José Ruíz Blasco – o pai de Picasso, Fenollera, Ramón Núñez ou Isidoro Brocos, que van rachar coa pasividade que tiña apagada a chama artística autóctona. Estes mestres, ademáis, adoitan un certo compoñente milenarista e de élite cultural. Baixo a súa tutela dáse a primeira formación de artistas galegos, nados cara 1870, que pertencen á Xeración Doente: Ovidio Murguía, Ramón Parada Justel, Joaquín Vaamonde e Jenaro Carrero.
    A través do desenvolvemento que adquiren en Galicia os estudos histórico-artísticos, estes pintores novos son conscientes dos cumios, da muralla de Lugo ao Pórtico da Gloria, que acadara a arquitectura e a escultura galega en etapas previas. Esta xeración, non obstante, ollou con estupor como a pintura ficaba prácticamente ausente na súa terra. Cunha perspectiva un tanto utópica estes artistas reivindicaron a arte da pintura e procuraron un recoñecemento público. Para tal propósito trataron de plasmar nos seus lenzos a esencia do país que, no campo pictórico, apenas tivera intérpretes ata esas datas.
    Para perfeccionar a súa arte estes pintores culminan a súa formación alén das fronteiras galegas. En Madrid ou no estranxeiro. Para tal cometido é preciso unha importante aportación económica. Esta retribución nunhas ocasións será particular – como o caso de Pardo Bazán e Joaquín Vaamonde e noutras ocasións será público – apoiados por becas das deputacións ou por políticos coma Montero Ríos.
    O esencial da súa formación madrileña foi a simbiose que estableceron os membros da Xeración Doente cos grandes mestres do Museo del Prado. Amoldáronse, en función das súas vivencias e creatividade, aos diferentes xenios expostos na pinacoteca. De Velázquez valorarían o seu naturalismo, de Goya a súa imaxinación desbordante e a cor, de Rubens as calidades matéricas, de Ribera o realismo patético e de Van Dyck a elegancia.
    Chegou un intre no que incluso Madrid quedou pequeno para a Xeración Doente. Como moitos artistas da súa época, amosaron certa obstinación por viaxar, con fins didácticos, a Roma e coñecer de primeira man o pasado clásico, renacentista e barroco. Tan só Parada Justel lograría visitar a capital italiana. Sen embargo, o academicismo romano non sería senón un contrasentido na voráxine de finais do século XIX. O mesmo ocorre coas Exposiciones Nacionales que requerían un asunto rimbombante de factura artificiosa, que marcaban a pauta anacrónica da arte española. A esas exposicións concorren os membros da Xeración Doente chegando a colleitar, nos casos de Para Justel e Jenaro Carrero, éxitos que perfilaban unha boa carreira.
Jenaro Carrero. Óleo sobre taboleiro. 76 x 55 cm.

   A formación de estos artistas, como acabamos de ollar, é do máis tradicional e bebe directamente da Ilustración. Estos pintores continúan paseando os seus apuntes para abocetar a realidade e os lenzos dos museos e logo, no seu taller, enxendran unha obra orixinal. En definitiva, estudan aos mestres do pasado coa finalidade pseudo-aristotélica de mellorar aspectos no presente. Para elo seguen varias pautas: o tema perde importancia, imítase a natureza, hai unha meticulosa captación da luz, a cor amóldase á realidade por riba de academicismos e pinturas de taller, o trazo pictórico é solto.
    Os membros da Xeración Doente, como é obvio polos seus rasgos, rexeitan as innovacións derivadas do Impresionismo. No estilo destes pintores hai unha mezcolanza entre pintura española, academicismo internacional e realismo. Na paisaxe son herdeiros da tradición de Haes como se pode observar nos mellores Murguías. No retrato o canon ven marcado polos Madrazo e tamén por Velázquez como manifestan os lenzos de Joaquín Vaamonde e de Jenaro Carrero. Dos mestres contemporáneos Sorolla vai ser, sen dúbida, o modelo a seguir como demostra Jenaro Carrero.
    A Xeración Doente, termo acuñado por Bello Piñeiro, xamáis superaría ese baremo de seguir as pegadas de outros debido á súa prematura morte. Non obstante, xermina a lenda que a arte galega foi construíndo en torno a eles.
    Estes artistas foron sucedidos pola Xeración Triunfante, tamén defensores da plástica antiga e dun paisaxismo suxestivo vencellado a Galicia. Os seus máximos representantes serían Álvarez de Sotomayor e Llorens.

A galería José Lorenzo posúe obras de tódolos autores da Xeración Doente. Actualmente ten expostos tres lenzos de Murguía no espazo do Toural.