lunes, 29 de agosto de 2016

A GALERÍA JOSÉ LORENZO ABRE A MOSTRA “REVELACIÓNS” DE COCHORRO NO SEU PATIO INTERIOR.





O escultor de Rubiá (Ourense) Cochorro exhibe as súas obras no patio interior da galería José Lorenzo de Santiago de Compostela. A mostra titulada “Revelacións”, que xa se pode visitar, está composta por 10 esculturas de diferentes etapas creativas do artista. A exposición, en cuxa selección de pezas e ordenación colaborou o propio autor, estará aberta ao público ata o próximo 3 de outubro.

Na mostra poderase ver o figurativismo esquemático como principal aceno de identidade de Cochorro: xa sexa á hora de estudar o corpo humano ou ben cando define conceptos a través dunhas esculturas que acariñan a abstracción. Todo iso faino o artista sen esquecerse do estudo da materia: esta, dependendo de se se trata de mármore, dunita, madeira ou lousa, esconde diferentes pezas sólidas. Figuras e conceptos que o artista revela. Con todo isto, quíxose sintetizar unha arte que relacione un certo sentido tradicional coa procura de novas interpretacións á hora de entender a escultura.

O artista

Cochorro chámase, en realidade, Luís Fernández González. Nace no ano 1950 en Rubiá (Ourense) e cara a 1975 realiza a súa primeira exposición individual. Desde ese momento expuxo en multitude de galerías galegas e noutras cidades estatais como Barcelona, Málaga, Segovia ou Cuenca. No ámbito internacional cabe destacar as exposicións realizadas en Lorient (Francia) e en Viana do Castelo (Portugal). Ademais, o artista goza dunha boa representación bibliográfica, destacando a Gran Enciclopedia Galega e a enciclopedia de escultores galegos de Nova Galicia Edicións.


O patio interior

A galería de arte José Lorenzo conta cun patio interior con xardín que lle permite organizar exposicións de escultura de medio e gran formato. Este espazo, aberto ao público durante todo o ano, vístese de gala todos os veráns para albergar destacadas obras que xogan
cunha exuberante contorna. O acceso a este lugar xa é digno de mención polos colosais murais de Urbano Lugrís González que colgan das súas paredes. Polo patio pasaron autores da talla de Buciños, Silverio Rivas, Xoan Piñeiro ou Acisclo Manzano.