miércoles, 18 de diciembre de 2013

O LIBRO "BALADA DE LOS MARES DEL NORTE", CON TEXTOS DE URBANO LUGRÍS, NA GALERÍA JOSÉ LORENZO



Balada de los mares del norte (Alvarellos editora) é o nome do libro que recupera, por vez primeira, a obra dispersa, esquecida ou inédita de Urbano Lugrís González e que, a partir de hoxe e ata que finalice a exposición Lugrís Pai, Lugrís fillo: surrealismo mariño, se poderá adquirir na galería de arte José Lorenzo. A publicación recolle máis de sesenta textos, cincuenta ilustracións e manuscritos, algúns deles nunca antes publicados. Tiveron que pasar 35 anos desde a súa morte e cen desde o seu nacemento para que a extraordinaria obra escrita do pintor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) vexa por fin a luz en libro. Este volume culmina unha vella aspiración do artista: un desexo confesado públicamente a comezos dos anos 60, pero que por distintas razóns non se materializou... ata hoxe.

Balada de los mares del norte descóbrenos ao poeta barroco, ao narrador de ficción pleno de referencias cultas e tamén a un orixinal ensaísta. Ademáis, este libro recolle ilustracións moi pouco coñecidas e manuscritos inéditos. Unha produción que abarca en total máis de tres décadas. Este libro é o complemento ideal á exposición: Urbano Lugrís escribía como pintaba, e esa fusión tan singular de lenzo e prosa deu como resultado feliz unha voz única da cultura galega.
Urbano Lugrís González

Este libro recolle máis de 300 páxinas de textos dispersos, moi descoñecidos ou inéditos do autor, ata un total de 62 textos. Medio centenar de ilustracións do Lugrís, algunhas delas tamén inéditas, e a reprodución en cor de todas as cubertas orixinais de revista Vida Gallega (anos 50). A responsable da edición anotada, introdución e apéndice é a profesora da Universidade da Coruña, a doutora en Teoría da Literatura Olivia Rodríguez González, filla de Mariano Tudela, un dos fieis colaboradores de Urbano Lugrís.