Xa se pode visitar,
na compostelá galería José Lorenzo, a exposición “Posguerra e eclecticismo”, con máis de 40 obras de importantes
artistas galegos. A mostra permanecerá aberta ao público até o próximo 20 de
abril e conta con importantes obras de, entre outros, Leopoldo Nòvoa, Manuel
Molezún, Alberto Datas, Deside, Raimundo Patiño, Antón Goyanes, Rogelio Puente
ou Jesús Núñez.
A exposición pon de
manifesto o escaso e disperso apoio que as artes plásticas tiveron en Galicia
nos anos seguintes á guerra civil, con poucas mostras e mínimo coleccionismo,
público e privado. Estas circunstancias dan lugar a un eclecticismo total, sen
posibles agrupamentos e con tendencias
que van do expresionismo ao hiperrealismo e da vangarda construtiva ao puro
informalismo.
Neste percorrido
heteroxéneo pódese ver a expresión informalista de Leopoldo Nòvoa, emparellable coas mellores firmas mundiais, e as
composicións xeométricas de cromatismo sobrio e contrastado de Jesús Núñez. Ademáis, “Posguerra e eclecticismo” conta con
dúas pezas de Molezún, pioneiro da
abstracción en Galicia. Continuando con esta liña abstracta os visitantes poden
apreciar varias obras próximas ao grafiti, de debuxo desfeito, de Alberto Datas. Na mesma liña, pero
emparentado esteticamente con Grau e Tàpies, atopámonos cunha peza de Deside. Combinando unha abstracción
vagamente xeométrica coa figuración, nun resultado de inefable lirismo, pódese
ver unha significativa obra de Antón
Goyanes. Desde esas sutilezas o espectador pode pasar ao expresionismo
apaixoado de Raimundo Patiño,
baseado no poderío da cor. O maior contraste, talvez, sexa o minucioso
hiperrealismo, intemporal e evocador, de Rogelio
Puente.
Arte para tódolos gustos.
Dado o gran número de
tendencias que acolle a mostra resulta imposible que o espectador non empatice
con algunhas obras. Os saltos estilísticos, que van do máis puro realismo á
abstracción, e temáticos, entre naturezas mortas, espidos ou paisaxes permite que
todos os visitantes se sintan atraídos por unha ou varias pezas desta mostra.
Así pois, se a uns lles pode interesar a obra de Manuel Facal, a outros asistentes vailles suceder outro tanto cos
enormes lenzos de Alfonso Costa.
Doutra banda, os que prefiran a escultura poden deleitarse coas obras de Manuel Patinha, Leiro ou Paco Pestana.