A obra do pintor de Lantaño (Pontevedra) Manuel Pesqueira
Salgado exhíbese na sala principal da galería
José Lorenzo de Santiago de
Compostela. A mostra, que está centrada nos seus traballos máis clásicos,
xa se pode visitar. Está composta por 20 pinturas que permiten comprender as
diferentes vertentes estéticas desenvolvidas polo artista ao longo da súa
carreira. É a exposición máis completa celebrada nunha galería de arte desde o
falecemento do artista en 1988. Moitas das pinturas pasaron por importantes
exposicións como a celebrada no Centro
Social Novacaixagalicia en 2011, na Casa
da Parra en 2002, na Fundación
Barrié en 1988 ou na Caixa de
Aforros Municipal de Vigo en 1986.
Estará aberta ao público ata o próximo 14 de xaneiro.
Na mostra pódense ver
as formas primitivistas e expresionistas, relacionadas con aspectos
antropolóxicos, culturais ou sociais da Galicia que viviu o pintor.
Practicamente, todas as obras expostas rozan un particular realismo social
relacionado coa estética do granito que caracteriza ao movemento renovador da
arte galega. É dicir, unha pintura que trata de emular a tradición pétrea da
arte en Galicia desde unha óptica vangardista.
As súas obras están
poboadas de símbolos propios da tradición rural: o campesiño, a muller, o
pescador ou os animais de tiro. Trátase de recursos para exemplificar a terra
marxinada e traballadora. Un universo persoal derivado das súas vivencias na súa
querida aldea de Lantaño. Esta sería o seu particular centro de operacións
pictóricas que só abandonaría, de forma esporádica, para a realización de
exposicións. Todo iso, áchase enmarcado nunha paisaxe galega, atmosférica e
húmida, rica en matices e variacións tonais de azuis, grises, verdes e marróns.
Biplasticismo
Algunhas das obras
exhibidas responden a un cambio estético que se empeza a percibir en Manuel
Pesqueira desde mediados dos anos 70. É o biplasticismo. Isto é unha
organización do cadro máis analítica, en diversos planos complementarios que
forman un “efecto espello”, como diría Antón
Castro. Deste xeito multiplica espazos e concede un sentido dinámico á
escena. Segundo o propio Castro, os seus referentes para esta investigación
pictórica son o cubismo e a cronofotografía. Con todo, o fío condutor seguirá
sendo a estética do granito inspirada nos campesiños da súa aldea natal.
Obras
destacadas
Todas as obras que se
exhiben atesouran gran calidade, pero cabe salientar unas cantas pola súa
especial relevancia. Dúas delas son escenas festivas que, desde unha
perspectiva etnográfica, testemuñan as formas de divertirse na Galicia rural
dos anos 60. Con gran protagonismo do baile, a música, a conversación e o xogo,
os dous traballos definen a mestría de Pesqueira para compoñer ambientes cun
gran número de figuras.
Outra obra que capta
a atención do espectador ten como protagonista á arquitectura rural, ordenada
como un enxame de poderosos volumes cubistas que habitan figuras expresivas. O
aspecto é, á vez, vital e cotián.
Finalmente, tamén é
destacable unha paisaxe con campesiños, labradores e unha maternidade que,
tanto en aspecto formal como simbólico, parece deber moito ao románico popular.
Esta obra é, no seu conxunto, unha profunda exaltación da súa terra.
O
artista
Manuel Pesqueira Salgado
(Lantaño, Pontevedra, 1911 – Poio, Pontevedra, 1988) é un pintor adscrito ao
movemento renovador da plástica galega.
Pronto sentiu interese pola pintura, como demostran os debuxos que facía
nos cadernos da escola. Trasladouse a Pontevedra con 16 anos e entrou en
contacto con membros destacados das Irmandades
da Fala, como Castelao, Otero Pedrayo e Vicente Risco. Asistiu ás reunións que o grupo mantiña no Café Moderno e colaborou coa
publicación A Nosa Terra, de
tendencia galeguista. En 1933 celebra a súa primeira exposición e a súa
carreira estivo a piques de verse truncada tras ser ferido no seu brazo dereito
durante a guerra civil. Este feito condicionou a súa arte: Pesqueira tivo que
adaptarse a pintar coa man esquerda desde 1939 ata o final dos seus días.
Será
en Vigo, nunha exposición en 1950,
onde mostre as súas obras realizadas coa man esquerda por primeira vez. Ao ano
seguinte participa na mítica exposición colectiva na sala Velázquez de Buenos Aires
xunto a Díaz Pardo, Maside, Laxeiro ou Prego, entre
outros. Dúas novas exposicións colectivas, en 1967 na sala Quixote de Madrid e en
1972 na galería Sargadelos de Barcelona, provocaron a fascinación da
crítica pola capacidade do artista para mostrar a alma de Galicia nos seus
óleos. Desde ese momento, Pesqueira xa é un artista consolidado como confirman
as súas exposicións na sala Toison
de Madrid en 1981 e no Centre International d´Art Contemporain
de París en 1984. Neste último con
dúas mostras: unha colectiva e outra individual. En 1986 a Caixa de Aforros
Municipal de Vigo celebra unha merecida exposición antolóxica de Manuel
Pesqueira.